Dedo de cinc

Representación do motivo de dedo de cinc Cys2His2, que consta dunha hélice alfa e unha folla beta antiparalela. O ión cinc (en verde) está coordinado con dous residuos de histidina e dous de cisteína.
Representación da proteína Zif268 (en azul), que contén tres dedos de cinc en complexo co ADN (en laranxa). Destacáronse os residuos de aminoácidos coordinados e os ións cinc (en verde).

Denomínase dedo de cinc a un pequeno motivo estrutural das proteínas, que se caracteriza por presentar unha coordinación dun ou máis ións cinc que estabilizan o pregamento. O termo foi acuñado orixinalmente para describir a aparencia de dedo dunha estrutura hipotetizada do factor de transcrición IIIA do anfibio Xenopus laevis, pero o nome dedo de cinc actualmente abrangue unha ampla variedade de estruturas proteicas.[1]

As proteínas que conteñen dedos de cinc (proteínas dedos de cinc) clasifícanse en varias familias estruturais. A diferenza de moitas outras estruturas supersecundarias claramente definidas, como as grecas ou a forquita β, hai varios tipos distintos de dedos de cinc, cada un dos cales posúe a súa propia arquitectura tridimensional. Unha determinada clase de proteínas dedos de cinc está determinada pola súa estrutura tridimensional, pero tamén se pode recoñecer baseándose na estrutura primaria da proteína ou na identidade dos ligandos coordinados ao ión cinc. Porén, malia a gran variedade destas proteínas, a gran maioría funcionan tipicamente como módulos de interacción que se unen ao ADN, ARN, proteínas, ou outras pequenas e útiles moléculas, e as variacións na estrutura serven principalmente para alterar a especificidade de unión dunha determinada proteína.

Desde o seu descubrimento e a dilucidación das súas estruturas, estes módulos de interacción mostraron ser ubicuos no mundo biolóxico. Ademais, os dedos de cinc fixéronse moi útiles polas súas capacidades terapéuticas e para a investigación. A modificación por enxeñaría dos dedos de cinc para que teñan unha afinidade para unha secuencia específica é unha área en activa investigación, e as nucleases dedo de cinc e os factores de transcrición dedo de cinc son dúas das máis importantes aplicacións utilizadas ata agora.

  1. Klug A, Rhodes D (1987). "Zinc fingers: a novel protein fold for nucleic acid recognition". Cold Spring Harb. Symp. Quant. Biol. 52: 473–82. PMID 3135979. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne